Saturday 20 de April de 2024

O BNG presentou unha moción para o fomento e apoio aos produtos de proximidade quilómetro_0 para o seu debate en pleno


O BNG sempre manifestou a súa aposta por desenvolver políticas de apoio aos produtos de proximidade e ao comercio local.

Galiza E Arteixo precisan políticas que aposten polo rural e pola relación equilibrada entre o rural e o urbano e por políticas que combatan o cambio climático como as políticas de proximidade, quilómetro cero e de apoio ao comercio local.

As iniciativas de fomento da produción local de alimentos frescos e da súa transformación e comercialización, son, entre outras: a dinamización das zonas rurais coa xeración de iniciativas locais de emprego, o freo ao abandono do territorio e recuperación de terras de cultivo e dos equilibrios ecolóxicos, odesenvolvemento de sistemas de produción e a comercialización de quilómetro cero para facer fronte á emerxencia climática.

Entre as medidas que o BNG considera prioritarias podemos destacar o apoio á mobilización e recuperación de terras abandonadas para cultivos de horta, árbores froiteiras e outros aproveitamentos agrogandeiros; o fomento do aproveitamento multifuncional do monte -incluíndo a produción gandeira e a produción de froitos, castañas, cogomelos, etc, e a creación de instrumentos de financiamento sen xuros para iniciativas locais de emprego, con especial atención a iniciativas impulsadas por mulleres e por persoas mozas.

Tamén é preciso o fomento da economía social e do cooperativismo para a prestación de servizos comúns e para o rexistro sanitario dos produtos alimenticios, o apoio a iniciativas de transformación dos produtos para gañar valor engadido, a creación de marcas de calidade e de promoción dos produtos frescos, ecolóxicos e de quilómetro cero, e a potenciación dos mercados locais e da interrelación entre o rural e o urbano.

Outro dos aspectos a ter en conta, é a necesidade de fomentar a compra pública responsábel e da contratación de entidades de economía social por parte das administracións. O BNG considera fundamental que a Xunta de Galicia e as demais administracións públicas apoien as entidades de economía social e as iniciativas locais de emprego coa compra pública verde e responsábel, por exemplo mediante o subministro de produtos frescos e de proximidade para comedores escolares e para restaurantes e cafetarías de equipamentos públicos como hospitais, universidade, sedes administrativas, residencias de terceira idade ou escolas infantís.

A recente crise sanitaria pola COVID aumentou a inquietude pola saúde e a sustentabilidade, crecendo a preocupación pola nosa alimentación. As persoasconcienciadas sempre buscan produtos que proveñan da agricultura ecolóxica, variedades locais, sistemas de produción en extensivo e sostibles co medio ambiente, todo elo incrementado cando se trata da alimentación dos máis cativos. Así pais e responsables da alimentación infantil priman a compra máis natural deixando de favorecer a compra máis barata. Ademais nunha sociedade rural como sempre foi nosa, estamos a ver como a xente nova vive desligada da cultura agraria. Isto acaba por xerar unha relación distorsionada cos alimentos que non forman parte da súa realidade.

A produción e o comercio local deben coexistir coas grandes cadeas comerciais e o comercio online. A economía local é imprescindible, xa que xera emprego onde vivimos, dota de alternativas de consumo, distribúe a riqueza entre máis xente e axuda a ter comunidades máis fortes e resilientes, diminuíndo a
dependencia do comercio exterior. Apostar pola produción de quilómetro cero ou o comercio de proximidade, sectores que están sufrindo moito, axudará a saír do momento complicado actual e unha administración debe poñer todo o seu esforzo no seu apoio. Os cartos que se gastan no pequeno comercio reverten até tres veces máis na comunidade que o gastado nunha grande superficie. Isto débese ao efecto económico multiplicador local, polo que comprar local crea máis riqueza e xera máis traballos nas nosas comunidades.

Para garantir o subministro de alimentos e outros bens básicos non basta con ter comercio de proximidade, é preciso contar tamén cunha produción local forte: gandeiros, agricultores e pescadores que poidan sacar a flote os seus negocios e non perdan a colleita por falta de man de obra ou de dificultades para vender os seus produtos. Coñecer a orixe dos produtos, saber si son de tempada e/ou locais, é un reflexo común entre os consumidores máis conscientes.

Por todo o exposto, o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego somete a debate e aprobación polo Pleno da Corporación municipal esta moción, propondo a adopción dos seguintes ACORDOS:

1. Deseño e redacción dun Plan de Proximidade que inclúa a dinamización das zonas rurais coa xeración de iniciativas locais de emprego, o freo ao abandono do territorio e recuperación de terras de cultivo e dos equilibrios ecolóxicos, o desenvolvemento de sistemas de produción e a comercialización de Quilómetro_0.

2. Creación dun Mercado Municipal de Abastos onde se facilite a compra e venta dos produtos Quilómetro_0.

3. Crear o selo “Arteixo Quilómetro_0” que recoñeza restaurantes, comercios locais e outros espazos que favorezan a venta e consumo de produtos arteixáns de proximidade.

4. Instaurar nos comedores escolares a política de Quilómetro_0.

5. Instaurar a política Quilómetro_0 en Restaurantes e cafetarías de equipamentos públicos municipais.

6. Crear a marca “Horta de Arteixo” que identifique todos os produtos agrarios producidos no concello sometidos a un control de calidade.

7. Deseñar e divulgar mapas actualizados de puntos de venta e consumo de produtos “Arteixo Quilómetro_0”